Tuesday 30 de April de 2024

O Aquarium Finisterrae estrea un novo tanque con especies de augas profundas


A instalación poderá visitarse desde o domingo 5 de xuño, data do 23 aniversario do Aquarium Finisterrae

O Aquarium Finisterrae abrirá un novo tanque de augas profundas na súa sala Maremagnum tras a remodelación levada a cabo polo Concello da Coruña nesta instalación. Neste tanque recréase un ecosistema de fauna profunda, con especies que viven entre os 100 e os 400 metros de profundidade, en auga fría, a 12 graos, e con escasa luz. Así o anciou hoxe a alcaldesa, Inés Rey, quen recordou tamén que desde a apertura do Aquarium, da que se cumpren 23 anos o día 5 deste mes, pasaron por alí máis de 6 millóns de visitantes.

Neste acuario preséntase un conxunto de especies atlánticas e próximas ás nosas costas adaptadas a vivir en augas profundas. Entre os peixes atopamos algúns realmente curiosos pola súa morfoloxía, como o peixe trompeteiro (Macrorhamphosus scolopax), que chama a atención pola súa boca con forma de tubo, ou o peixe tres colas (Anthias anthias), con grandes e delicadas aletas. Tamén resulta curioso o peixe ichavo (Capros aper), que ten forma redondeada e ollos grandes; e entre os invertebrados destacan os pequenos cangrexos xastre (Galathea strigosa), fáciles de recoñecer pola súa coiraza vermella sobre a que mostran bandas azuis transversais.

A apertura desta nova instalación levarase a cabo este domingo 5 de xuño, coincidindo co aniversario do Aquarium Finisterrae, un dos tres Museos Científicos cos que conta a cidade da Coruña. Neste 2022, o Aquarium está a recuperar os números de asistentes previos á pandemia. Nos cinco primeiros meses do ano houbo 70.615 visitantes, un 95% da cifra de 2019 no mesmo período e moi superior ás cifras do 2021, ano no que estaban vixentes restricións de capacidade dos espazos cerrados.

Novas especies no tanque cilíndrico
Por outra banda, o Aquarium incorporou estes días a novas especies no seu tanque cilíndrico, que se atopa na propia Sala Maremagnum. Trátase dunha poboación de sepias (Sepia officinalis), nadas nas propias instalacións do Aquarium. Estes cefalópodos están agora na súa época de reprodución, momento en que os machos adquiren a coloración de galanteo e exhiben un patrón de raias parecidas ás dunha cebra.

Na costa galega viven tres especies de sepia que se diferencian polo número de filas de ventosas dos tentáculos e pola forma do bordo do manto. A sepia común ou xiba (Sepia officinalis) posúe 4 filas lonxitudinais de ventosas e o bordo do manto forma un ángulo obtuso coa cabeza. O chopiño ou choquiño (Sepia elegans) posúe dúas filas lonxitudinais de ventosas e o bordo do manto forma ángulo agudo coa cabeza. O chopiño bicudo (Sepia orbignyana) distínguese porque ten unha espiña que sobresae entre os lóbulos da parte posterior do manto.